Os centros xuvenís de Galicia participan no Campobosco 2026
Mozos, mozas e persoas animadoras dos centros pertencentes á Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia participan estes días no Campobosco 2026, un encontro da Pastoral Xuvenil Salesiana de España e Portugal que reúne preto de 700 participantes.
Baixo o lema «Seguimos as vosas pegadas», o encontro desenvólvese do 31 de xullo ao 8 de agosto cun itinerario que comeza en Barcelona e percorre lugares fundamentais da historia salesiana, como o Colle Don Bosco, Mornese, Chieri, Valdocco e Turín.
A representación galega comparte esta experiencia con mozos e mozas doutras presenzas salesianas de España e Portugal. Ao longo das distintas etapas participan en celebracións, momentos de reflexión, actividades de convivencia e visitas aos lugares nos que viviron Don Bosco e Madre Mazzarello.
O Campobosco é moito máis ca unha viaxe. Constitúe unha oportunidade para afondar nas raíces do carisma salesiano, fortalecer a propia identidade e renovar o compromiso coa educación e o acompañamento da mocidade.
A participación dos nosos centros neste encontro reforza o sentimento de pertenza ao Movemento Xuvenil Salesiano e anima a seguir construíndo comunidades acolledoras, alegres e comprometidas coa realidade da xente nova.
