As Mañás de Verán enchen de actividade os centros xuvenís Don Bosco de Galicia
A Coruña, Lugo, Vigo, Ourense, Santiago de Compostela e Allariz. Durante os días de vacacións de xuño e xullo, os centros xuvenís da Federación Don Bosco de Galicia desenvolveron diferentes programas de Mañás de Verán dirixidos á infancia, á adolescencia e ás familias.
A Asociación Xuvenil Amencer, o Centro Xuvenil Abertal, o Centro Xuvenil Abeiro, o Centro Xuvenil Ateibo, o Albergue de Allariz e o Centro Xuvenil Don Bosco ofreceron propostas educativas e de conciliación adaptadas ás súas respectivas contornas. Xogos, obradoiros, actividades deportivas, excursións, contacto coa natureza e dinámicas de convivencia formaron parte dunha programación marcada pola participación e a diversión.
Estas iniciativas permitiron que numerosos nenos e nenas gozasen dun tempo de lecer educativo en espazos seguros e acolledores, acompañados por equipos de persoas animadoras comprometidas coa educación en valores.
Un verán máis, os centros xuvenís Don Bosco de Galicia renovan o seu compromiso coa infancia, coa adolescencia e coas familias e coa creación de experiencias que axudan a medrar, convivir e construír comunidade.
